![]() |
| Parella de peixes globo. Foto: Nina Moysi |
Así,
desta forma tan fermosa e tan auténtica, saúdanse en Costa Rica.
Nin ola, nin que tal, nin bos días, tardes ou noites; PURA VIDA.
Unha mensaxe vital en cada saúdo. Dúas palabras con moita carga de
profundidade combinadas para dicir moitas cousas. Precisamente desta
forma denominaron Óscar e Zigor a súa pequena escola de mergullo
fronte ao mar. Unha “empresa” que na práctica é unha gran
familia.
Aquí cheguei eu hai dous anos da man de Mikel e Iban.
Seica un vasco montara unha escola de mergullo neste recuncho do
mundo. Chegamos chorreando suor baixo as nosas mochilas. Entón
apenas tiña vinte inmersións e agora supero o centenar. Desde a
primeira vez que baixei a estas augas quedei fascinada pola vida e
colorido deste mar cálido. Meus ollos non daban feito con tanta
cousa por ver e descubrir.
Corais
de formas imposíbeis, peixes de colores, barcos afundidos, estrañas
relacións de convivencia... Todo un mundo baixo o mar. En
equilibrio, en perfecta harmonía. Relacionado todo entre si. Unha
cadea vital que precisa de cada eslavón para continuar o ciclo
infinito de pura vida. Precisamente esta máxica relación é a súa
principal debilidade. A nosa especie, coa súa cobiza infinita,
ameaza este equilibrio das profundidades. En realidade, a nosa
especie, ameaza todo tipo de equilibrio.
Por
que desfrutar desta marabilla baixo o mar unicamente en vacacións?
Por que non transmitir a miña pasión polo mundo submarino a máis
xente? A idea de poder namorar a outras persoas dos tesouros do mar e
aprenderlles a respectar e coidar esta riqueza, tomaba forma na miña
cabeza. No mesmo barco onde eu estaba para facer mergullo por
diversión, outras persoas preparábanse para o Dive Master. O
primeiro paso no mundo profesional do mergullo. Un curso que vai de
mes e medio a dous meses para poder guiar a outras persoas baixo a
auga.
En
setembro do ano pasado regresei con ese obxectivo, ser guía de
mergullo, para poder prolongar as miñas viaxes coa opción de
traballar. Esa polo menos, era a miña idea inicial. Daquela non
estaba na miña mente deixar a terra e facer disto o inicio dunha
nova vida. Pasei tres meses moi intensos en Koh Tao. Aprendendo de
cada unha das persoas de Pura Vida, especialmente do meu mentor,
Tago. Descubrindo algo novo con cada inmersión. Derrapando en cada
curva. Sentindo o pó da vida con cada derrape. Carpe Diem en estado
puro.
|
| Coral Porites. Foto: Nina Moysi |
Despois
deses tres meses regresei a casa e pensei, pensei e pensei sobre que
tipo de vida quería. Xa coñecedes a miña decisión. Un billete de
ida cun punto de partida; Koh Tao e Pura Vida.
Sentirte
como en casa a miles de quilómetros non ten prezo. PURA VIDA
consigue precisamente iso. Xa sabedes onde atoparme, na pequena escola de mergullo fronte ao mar.
Domingo 26 de abril de 2015


Ningún comentario:
Publicar un comentario