Pages

xoves, 23 de abril de 2015

Meu punto de partida

Comezo este camiño nunha pequena illa tropical, unha pinga de terra no Golfo de Tailandia, Illa Tartaruga no noso idioma, Koh Tao en Tai. O certo é que tartarugas quedan poucas. As persoas chegaron (chegamos) e elas marcharon (afortunadamente non todas) na procura de praias tranquilas onde poder continuar o ciclo da vida. Un animal prehistórico do que fascina esa tranquilidade nos seus movementos, unha torpeza en terra que torna en axilidade no mar.


Cheguei a esta illa de casualidade. Como unha semente nun sopro de vento. No verán do 2013 descoñecía a súa existencia. O plan era percorrer Laos e Camboia cun grupo de viaxeiras e viaxeiros con demencias varias. Eu tiña unhas semanas ociosas antes da data “oficial” de partida e comentei co resto do grupo a miña intención de coñecer un pouco de Tailandia. Mikel e Iban secundaron a miña proposta e da súa man cheguei a este paraíso tropical. Eles querían aprender a mergullar, eu, que diso algo sabía, realizaría unhas cantas inmersións. Ese polo menos, era o plan inicial.

Hai unha forza invisíbel que te atrapa a este lugar. Sabes cando chegas pero nunca cando marchas. “Estamos catro días en Koh Tao e despois imos a coñecer máis sitios”, pensamos na nosa inxenuidade. Finalmente pasamos doce días nesta pequena illa e unicamente marchamos para facer a viaxe prevista co resto do grupo, maldicindo porque non chegaran máis tarde. Os meus amigos co curso de Open Water feito, eu con máis de vinte inmersións e o curso de Avanzado.

Non pasaron nin dous anos desde a primeira vez que pisei este lugar e agora aquí estou, na terraza da miña casiña de madeira, escribindo a segunda entrada do meu blogue, entre palmeiras e vistas ao mar.

A primeira vez, marchei coa certeza de que volvería e así foi, transformando o desexo en realidade. Dentro do vértigo que da deixar unha vida enmarcada na “normalidade” a cambio dun futuro incerto, o meu punto de partida é un lugar coñecido, onde estou cómoda e rodeada de moi boa xente. Isto resta importancia a ese precipicio que acostumamos ver ante o imprevisíbel e descoñecido.

Desfruto cada instante co que fago. Namorada do que esconden estas augas repletas de vida. Descubrindo nas profundidades mariñas algo novo cada día. Aprendendo constantemente. Mellorando por dentro e por fora. Na pequena escola fronte ao mar chamada “Pura Vida”, o soño transformado en realidade de Zigor e Óscar. Falarei desta escola e da miña ocupación na próxima entrada.

Comezo aquí, na Illa Tartaruga, a miña aventura sen billete de volta.
Deixo a casa onde nacín, / deixo a aldea que coñezo / por un mundo que non vin! / Non deixo amigos por estraños. / Deixo uns amigos por outros / e por estraños que pronto serán amigos.


 Xoves 22 de abril de 2015

1 comentario:

 

Sample text

Sample Text

 
Blogger Templates