Comezo
este camiño nunha pequena illa tropical, unha pinga de terra no
Golfo de Tailandia, Illa Tartaruga no noso idioma, Koh Tao en Tai. O
certo é que tartarugas quedan poucas. As persoas chegaron (chegamos)
e elas marcharon (afortunadamente non todas) na procura de praias
tranquilas onde poder continuar o ciclo da vida. Un animal
prehistórico do que fascina esa tranquilidade nos seus movementos,
unha torpeza en terra que torna en axilidade no mar.
Cheguei
a esta illa de casualidade. Como unha semente nun sopro de vento. No
verán do 2013 descoñecía a súa existencia. O plan era percorrer
Laos e Camboia cun grupo de viaxeiras e viaxeiros con demencias
varias. Eu tiña unhas semanas ociosas antes da data “oficial”
de partida e comentei co resto do grupo a miña intención
de coñecer un pouco de Tailandia. Mikel e Iban secundaron a miña
proposta e da súa man cheguei a este paraíso tropical. Eles
querían aprender a mergullar, eu, que diso algo sabía, realizaría
unhas cantas inmersións. Ese polo menos, era o plan inicial.
Hai
unha forza invisíbel que te atrapa a este lugar. Sabes cando chegas
pero nunca cando marchas. “Estamos catro días en Koh Tao e
despois imos a coñecer máis sitios”, pensamos na nosa
inxenuidade. Finalmente pasamos doce días nesta pequena illa e
unicamente marchamos para facer a viaxe prevista co resto do grupo,
maldicindo porque non chegaran máis tarde. Os meus amigos co curso
de Open Water feito, eu con máis de vinte inmersións e o curso de
Avanzado.
Non
pasaron nin dous anos desde a primeira vez que pisei este lugar e
agora aquí estou, na terraza da miña casiña de madeira, escribindo
a segunda entrada do meu blogue, entre palmeiras e vistas ao mar.
A
primeira vez, marchei coa certeza de que volvería e así foi,
transformando o desexo en realidade. Dentro do vértigo que da deixar
unha vida enmarcada na “normalidade” a cambio dun futuro incerto,
o meu punto de partida é un lugar coñecido, onde estou cómoda e
rodeada de moi boa xente. Isto resta importancia a ese precipicio que
acostumamos ver ante o imprevisíbel e descoñecido.
Desfruto
cada instante co que fago. Namorada do que esconden estas augas
repletas de vida. Descubrindo nas profundidades mariñas algo novo
cada día. Aprendendo constantemente. Mellorando por dentro e por
fora. Na pequena escola fronte ao mar chamada “Pura Vida”, o soño
transformado en realidade de Zigor e Óscar. Falarei desta escola e
da miña ocupación na próxima entrada.
Comezo
aquí, na Illa Tartaruga, a miña aventura sen billete de volta.
Deixo a casa onde nacín, / deixo a aldea que coñezo / por un mundo que non vin! / Non deixo amigos por estraños. / Deixo uns amigos por outros / e por estraños que pronto serán amigos.
Xoves 22 de abril de 2015


Estamos contigo
ResponderEliminar